No ano 2018, e tras un acordo dos Servizos de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (COT), Rehabilitación (RHB) e Reumatoloxía (REUMA) coa dirección da nosa Área Sanitaria, créase unha nova Unidade Asistencial denominada Alxias Músculoesqueléticas (AME) para atender en primeira instancia a pacientes con problemas comúns que xeran dor no aparello locomotor.
Nun estudo piloto realizado previamente, detectouse que unha gran parte dos procesos que cursan con dor musculoesquelética (DMES) xeraban non só unha gran cantidade de derivacións ás diferentes especialidades implicadas en patoloxía do aparello locomotor (PAL), senón duplicacións das mesmas e uns prolongados tempos de resposta. Ademais, o referido estudo demostrou que, e acordo cuns determinados criterios de derivación consensuados, o 53% dos pacientes citados á consulta de COT, o 50% dos citados a REUMA e o 35,3% dos citados a RHB poderían ser valorados nunha consulta única específica de AME.
Por iso, e co obxectivo principal de reorganizar o proceso asistencial dos pacientes con DMES e PAL, desenvolveuse unha consulta conxunta entre os tres servizos implicados, que a partir dunha abordaxe interdisciplinar e internivel permitise ofrecer ao paciente con DMES e PAL unha mellor cobertura e de maior calidade asistencial á vez que se optimizaban os recursos dispoñibles, así como o desenvolvemento de protocolos de atención, guías clínicas e criterios de derivación inter e intraniveles que, conxuntamente con programas de formación continuada para residentes e médicos de Medicina Familiar e Comunitaria de Atención Primaria (AP), permitiran mellorar a eficiencia na atención da devandita patoloxía.