O Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (ASSB) nace en novembro de 1972 no antigo Hospital Xeral de Galicia, sendo o segundo que se puxo en marcha en España. En novembro de 2022 cumpríronse 50 anos da súa creación. É un Servizo central que depende jerárquicamente da Dirección Asistencial do Hospital e presta os seus servizos especializados á poboación de referencia. A actividade desenvólvese fundamentalmente en dous ámbitos: a Medicina Preventiva Hospitalaria e a Prevención de Riscos Laborais.
A Medicina Preventiva Hospitalaria estrutúrase a través das seguintes Unidades:
- Unidade de Epidemioloxía que ten entre os seus obxectivos fundamentais a prevención das infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria (IRAS).
- Unidade de Vacinación do adulto: vacinación do adulto san en situacións especiais e con patoloxías de risco.
- Centro de vacinación Internacional: vacinación e asesoramento ás viaxes internacionais. Desde o 2 de agosto de 2007 somos Centro de Vacinación Internacional autorizado no ASSB (Convenio de Encomenda de Xestión en materia de vacinación internacional entre o Ministerio de Sanidade e Consumo e a Consellería de Sanidade).
- Unidade de Epidemioloxía Ambiental e Hixiene Hospitalaria.
- Unidade de Prevención da Tuberculose.
- Unidade de Epidemioloxía clínica e Sistemas de información. Desde decembro de 2022 a Unidade de Epidemioloxía clínica e Sistemas de información do Servizo de Medicina Preventiva xunto coa Unidade de Epidemioloxía e Investigación Clínica do CHUS e a Unidade de Metodoloxía da Investigación do Instituto de Investigación sanitaria (IDIS) constitúen a Unidade Transversal de Metodoloxía da Investigación (UTAMI) para dar soporte metodolóxico, estatístico e en aspectos éticos e legais en investigación biosanitaria á investigación clínica que se desenvolve na área sanitaria de Santiago e Barbanza.
A Unidade de Prevención de Riscos Laborais (UPRL) consta dunha parte técnica e dunha parte médica e ten entre os seus principais obxectivos os de promover a prevención no ámbito laboral, realizar avaliacións de riscos laborais, asesorar á Dirección na planificación da actividade preventiva, vixilancia e control da saúde dos traballadores e promover a saúde no lugar do traballo.
O Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública asume un modelo de xestión asistencial orientado ao paciente, centrado nos procesos e que dota aos profesionais de ferramentas clínicas e de xestión para conseguir os mellores resultados en termos de calidade e custos.
Contacto:
Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública
Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza
Edificio A, planta cero.
Travesía de Choupana s/n
15706-Santiago de Compostela.
Teléfono: 981 950 037
Correo electrónico: mpr.chus.santiago@sergas.es